segunda-feira, 9 de março de 2015

Apresentaçom do documentário A Volta dos Nove.

Sexta 13, apresentaçom do documentário A Volta dos Nove, arredor da repressom franquista no Val Minhor.

Outubro de 1936. Na noite do dia 15, nove homens som sacados da prisom habilitada no Frontom de Vigo e levados às aforas de Baiona. Ali seriam selvagemente assassinados. Era o final duma vingança que se iniciara dous dias antes. Mas também era o começo duma lenda: a das cruzes de "A Volta dos Nove".

Apresenta a associaçom, arquivo da memória social e produtora O Faiado da Memoria, de Vila-Garcia (http://www.blogoteca.com/ofaiadodamemoria/)

Podedes ver o trailer no seguinte enlace: http://vimeo.com/79727513

segunda-feira, 2 de março de 2015

Falando Claro, o novo projecto de Pepe Sendón, no Fuscalho.

Esta sexta 6, apresensentaçom audiovisual de Falando Claro, obra arredor da figura de Claro José Sendón Lamela. O novo projecto de Pepe Sendón.

Claro José Sendón Lamela, nacido en Louro - Muros en 1897 e finado en Nova York en 1937, deixounos en apenas corenta anos unha peripecia vital tan convulsa e turbulenta coma a época que lle tocou vivir. Sendo aínda un neno, cruza o Atlántico como parte do masivo éxodo galego de principios do século XX.

En Buenos Aires, encirrado pola súa inqueda curiosidade, inicia unha formación autodidacta que anos despois agromaría no seu traballo xornalístico e alí acada tamén a conciencia de clase que o fará, fillo do pobo, traballar arreo a prol da causa dos desposuídos, sempre desde os principios anarcosindicalistas que aprendeu e practicou nas loitas obreiras arxentinas.

Xa un mozo, nos anos 20, atopámolo participando activamente nos círculos libertarios de Filadelfia e Nova York, moi en contacto coa prensa ácrata de Barcelona e atento á evolución do crecente anarquismo galego, no que se integrará con decisión no seu retorno á terra nos anos 30, desenvolvendo un intenso labor na sección galega da CNT.

Orador de recoñecida valía, organizador incansable (sobre todo na bisbarra do Barbanza) e posuidor dunhas persoais dotes xornalísticas que o levarían a publicar en numerosas cabeceiras ácratas españolas, dirixir o semanario Solidaridad Obrera na Coruña e integrar a redacción do Diario CNT en Madrid, Claro foi unha das figuras sobranceiras do sindicalismo galego nos tempos da 2ª República.

FALANDO CLARO trata de reconstruír a vida aventureira dun personaxe único a través dos textos que nos deixou.

Por medio deles transitaremos pola Semana Tráxica arxentina, polos anos 20 neoiorquinos, polo Crack de 1929 e a posterior Grande Depresión, pola vitalidade dos primeiros días da República e o agre Bienio Negro, por insólitos episodios do anarquismo galego, polos ominosos días previos á sublevación militar e, finalmente, pola Guerra Civil española.

As palabras dun rebelde, deste afouto rebelde de Louro, libertarias e radicais, agudas e retranqueiras, dramáticas e emocionantes, serán a nosa guía para coñecer unha figura novelesca que malia parecer de outro mundo, é do noso; e para revisitar unha parte moi importante do noso pasado, que malia parecer de outra historia, tamén é a nosa.